CICA site cookies. We use cookies in our site to offer you the best web experience. Please accept usage of cookies pressing the button.

Accept cookies
Show 167.12 958x538 imagen

Tras estar “incrustad@s” no CICA, estudantes de secundaria e bacharelato presentan as súas experiencias nun congreso científico

26/Jul/2019 Disclosure EXPRELA BIOCOST ScINIBIC QUIMOLMAT REACT! Coordinación GIR

O Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o vindeiro mércores, 31 de xullo, un congreso de investigación dentro do proxecto Incrúst@te: que é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía.  

Neste evento, estudantes de 4º de ESO e 1º de Bacharelato que realizaron estancias nos grupos de investigación do CICA, presentarán os resultados das mesmas. Ademais, haberá unha exposición cos pósters dos 16 alumnos e alumnas contando a súa experiencia.

O congreso farase no salón de actos do CICA e comezará cunha visita polas instalacións do centro ás 16:00 horas. A continuación, Carlos Varela, da Subdirección Xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado da Xunta de Galicia; Salvador Naya, Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC; e Jaime Rodríguez, Director do CICA, abrirán a xornada ás 16:30 horas. Posteriormente, darase paso aos estudantes para que fagan as súas presentacións científicas. Despois, a Asociación de Divulgación Científica UDCbigbang dará unha charla sobre a táboa periódica xigante que fixeron para a Facultade de Ciencias da UDC. Coa entrega de diplomas rematará o acto.

Na seguinte fase de Incrúst@te, no mes de setembro, catro dos 16 participantes poderán realizar unha estadía de dúas semanas no CICA para realizar o seu propio proxecto de investigación.

Incrúst@te é un proxecto de divulgación científica realizado polo CICA con financiamento da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Xunta de Galicia) e que ten como obxectivo aumentar o número de vocacións científicas, dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC e visibilizar o traballo de investigación e o papel da muller na Ciencia.